A fervenza das Hortas é un dos límites naturais entre os concellos de Arzúa e de Touro. Consta de dúas caídas de auga, en gneis mesturados con cuarcita, duns 30 metros de altura, do Regato de Saímes (segundo o libro Augas caídas. Fervenzas de Galiza).
Na súa parte alta atópase o muíño dos Agra, sito no lado de Touro.
Desde a casa do concello hai que percorrer a estrada Arzúa-Vila de Cruces, a CP-0601, uns 11 quilómetros ata a encrucillada co lugar de Hortas. Aquí, desviámosnos á man esquerda cara San Xusto (CP-0605), e a uns 500 metros, pasando a Taberna Varela, cóllese á dereita por unha pista polo medio da aldea. Ao final das casas hai que coller á esquerda, monte a través, onde están os postes da luz.
Tamén é coñecida polo nome de Fervenza de Santa Marta , debido a unha lenda que ten asociada:
A veciñanza ía moer ao muíño, e conta a historia que unha rapaza quedou embarazada do seu mozo, e este dixo que non a quería. Unha noite de muiñada, o mozo empuxouna pola fervenza, e mentres caía, ela dixo "Santa Marta me vaia!", e parou a caída un carballo que na fervenza estaba, salvándoa milagrosamente.


